08 Julho 2009

A xanela indiscreta: Paris (2008)


Película sinxela e, precisamente, pola súa sinxeleza, unha preciosidade de filme.

Paris, como se pode supor, fala da capital gala, mais sen falar dela. Si, aparece a torre Eiffel; si, aparece o Sena; si aparecen as rúas os cafés o ambiente parisiense. Porén, do que fala esta película é da xente, a que, na realidade, fai que unha cidade sexa algo vivo e non unha simples acumulación de tixolos e tellas, unha simple extensión de alcatrán e azo.

Juliette Binoche, Fabrice Luchini, Albert Dupontel e Romain Duris destacan nun reparto que compón o retrato humano que Cédric Klapisch realiza con modestia e bo gosto. Dito retrato desenrólase a partir da xente que pasa por debaixo do terrazo do enfermo Pierre e entrelázase en historias que non son máis ca retallos das vidas desas persoas, unha esculca simples.

Así, emerxe un París humano, fóra dos tópicos edulcorados cos que estamos acostumados, onde a xente, coma en calquera outro sitio, ama sofre ri chora ou simplesmente vive.

Un París ao que dá máis gana ir.




(Deixo esta canción de Wax Tailor, que aparece no filme e que leva días sen saír da miña cabeza)

07 Julho 2009

A xanela clipeada: "Thriller", Michael Jackson (1982)

Velaquí outro dos videoclipes que marcaron a miña infancia. Non lembro se o vin algunha vez enteiro ou se o único que conservan as antesalas da miña memoria son retallos de anacos do clipe que a tevé foi ofrecendo ao longo dos 80. O único que sei é que os mortos viventes aínda seguen a percorrer os corredores das lembranzas dos meus primeiros anos de vida.

Tivo que morrer o suposto Rei do Pop para que me decidira a ver esta pequena xoia pola primeira vez na miña vida. Digo “suposto” porque acho que Michael Jackson foi muito máis que pop, foi muito máis ca un rei: un rei denota inmobilismo e o que fixo este negro que soñou con ser branco foi unha auténtica revolución nunha chea de estilos musicais, un auténtico furacán no rythm&blues, no funk, no soul e incluso no rock, alén de dar unha viraxe ao mundo do baile e do videclipe.

Michael Jackson morreu vítima dun mundo que fai crer que somos deuses, e el, que se topaba nun dos cumios dese mundo, creu que era un deus ao que todos adoraban, un deus que non tivo infancia e cuxos complexos raciais o empurraron a unha carreira cirúrxica sen fin, embora existira ese outro Michael, humilde e africano, que paría cancións en contra do racismo.

Morreu un revolucionario da música, e millóns de persoas asistirán ao seu enterro.

Habería que ver cais se van despedir do músico e cais do morbo.

05 Julho 2009

A xanela musical: Yann Tiersen

O señor da música. Yann Tiersen.

Aínda lembro a época na que os compases de Amèlie posuíran a miña alma. Logo, grazas a Aude, que me forneceu clandestina e pasionalmente os seus cedés, fun ampliando a xeografía deste xenio bretón.

Porque Tiersen é un virtuoso, o señor da música que toca todos os instrumentos, que fai e desfai as súas pezas ao seu antollo, que tanto fai estremecer e encherte de morriña como pular ao ritmo dunhas notas furiosas de rock.

Esta fin de semana foi á Coruña. E non defraudou: quedei extasiado vendo a apoteose final dunha peza que descoñecía e os baixos volvíanse malucos a pular polo cenario, e as luces semellaban cobrar vida propia e todos queriamos esquecer que estabamos na cidade herculina e que viviamos no planeta música porque era música o que respiraban os nosos pulmóns e o que exhalaban os nosos poros.

Pequenas xenialidades que agomaron naquel concerto e que nos regalou o amigo Yann en noventa efémeros minutos.

Rin pensando nas numerosas persoas que acoderan ao Expocoruña flutuando nas melodías de Amélie Poulain ou de Goodbye, Lenin! e topáronse co turbillón tímido da guitarra do de Brest.

Até a próxima, que agardo sexa pronto!

26 Junho 2009

As millores festas do mundo!!


Xa comezaron as festas de San Pedro! As millores, para min, festas do mundo.

Pola súa variedade, por ofertar actividades e músicas para todos os gostos e/ou idades, por seren as máis animadas nas que estiven, porque nelas me topo con xente que hai tempo non vía, porque nela me topo coa miña xente para pasalo ben...

O plano? O de sempre: sexta, concerto no que fago ou non caso aos que tocan e si aos que están ao meu pé; sábado, rúa pr´arriba rúa pr´abaixo polos postos e terrazas que saen ao paso, risas e cervexiña coa que acompañar o calor; e domingo xantar e música popular en Belvís. Fin de semana completo, mentres o corpo (e o tempo!) aguante!

Vinde! Está todo o mundo convidado!

O cartaz das festas non é o que finalmente está colgado polas paredes da cidade,
mais este (na miña modesta opinión), o orixinal, é muito máis bonito.

25 Junho 2009

Prexuízos

Hai unhas semanas acabei a miña cativa e precaria experiencia docente de rigor. Foi nun pequeno concello do interior da comarca de Vigo.

A experiencia foi mui positiva. Alí, cuns estudantes que a maioría xa eran adultos cando eu cheguei a este mundo, ensinei mais tamén aprendín cousas mui interesantes. O último día, coa modesta mais rica merenda de despedida chea de especialidades brasileiras (hum!, que rico o brigadeiro!), co simpático agasallo que me fixeron entre todos, sentín que "conquistara" outro anaco máis da Galiza ignota e que alí me quedaba máis dunha amizade.

Marchei co orgullo do traballo ben feito e coa satisfacción de me ter topado con xente que pagaba a pena coñecer.

Lembrei o primeiro día con vergoña. Aquel primeiro día no que me achaba cabreado por ter que ir a un destino tan afastado das miñas cotidianidades. Aquel primeiro día no que a Galiza vella e retrógrada aparecía no meu horizonte imaxinado.

Preconceitos, prexuízos que descoñecía que habitaban no meu interior.

Está ben ter estas experiencias para coñecerte millor e curarte de soberbas e maus pensamentos e saber que, alén deses vellos e eses aldeáns que se deixan arrastar polo cacique e polo minifundismo mental, hai outros que saben en que mundo viven e en cal gostarían de viver.

22 Junho 2009

Greve e folga

A primeira palabra é orixinaria do francés, da Place de Grève, que se achaba na marxe do río Sena, onde se reunían os desempregados ou obreiros en xeral que reivindicaban melloras nas condicións de traballo.

Do francés pasou ao portugués e, hoxe en día, a mesma palabra emprégase en idiomas tan díspares coma o basco (greba), romanés (grevă), lombardo (greva) ou o turco (grev). No galego oficial o termo usado é folga, galeguización da palabra castelá huelga. O galego reintegrado emprega greve, igual có portugués.

Folga remete, inevitabelmente, a “folgar”, a non facer nada. Greve remete, por tradición galo-lusa, a algo activo.

Algo activo como están a facer os traballadores do Metal no sul de Galiza desde hai un mes.

Como é algo activo, son criminalizados todo o que se pode, cando os criminais son outros.

Como é algo activo, reprímese, por muito que defender o teu posto de traballo e as túas condicións laborais sexa un dos dereitos máis democráticos que existen.

Porén, a greve do Metal tamén ten algo de folga, algo de inactividade.

Inactividade por deixar nas mans de intermediarios o destino do teu traballo.

Inactividade por obedecer ordes deses propios intermediarios.

Inactividade por non emprender medidas máis contundentes contra os que non se moven nin un centímetro.

A greve do Metal non é a greve “dos do Metal”; é unha greve dunha parte de nós, o pobo, que se move, de forma máis grevista ou máis folguista, para defender os seus dereitos; dereitos que levan décadas sendo pisoteados.

Dereitos, por outra banda, polos que se moveron xa outros e cuxas conquistas os políticos fixeron súas.

17 Junho 2009

Construíndo a felicidade


Levaba unha má temporada. En todos os sentidos.

Non digo que agora todo lle vaia ir mellor, mais si que vai viver as cousas dun xeito máis positivo; si que pode pensar que algo mudou.

Ela, que tanto dá até, muitas veces, quedar sen nada para si, xa é hora de que receba algo en troca.

Meréceo, e ten que crer que o merece.

Se feliz, e acredita na túa propia felicidade.

Constrúea, ranciña!!